Lasca

Elementos fundamentais dunha lasca

Unha lasca, en sentido amplo, é calquera produto da talla intencionada realizada polo ser humano nunha rocha, que se desprende da masa pétrea (que, en sentido xeral, se denomina núcleo lítico, pero que pode ser un bloque de pedra, un coio ou un utensilio en proceso), e que adquire forma de estela afiada. A labra pode realizarse golpeando directamente cun percusor (de pedra, de hasta, de madeira ou, ata, de metal), ou golpeando indirectamente cun cicel (que, tamén pode ser de hasta ou de metal), ou ao someter a peza-núcleo a unha forte presión cunha puga ou compresor. As lascas teñen formas e tamaños moi diversos, desde os microscópicos, ata os que superan os 30 centímetros; pero, en xeral, comparten unha serie de caracteres comúns que permiten recoñecelas.

Doutra banda, as lascas poden ser un obxectivo buscado polo tallador ou, pola contra o refugallo resultante de fabricar unha peza nuclear (por exemplo, un biface). Así mesmo, as lascas poden ser útiles de seu, sen modificación ningunha, en bruto (pois teñen, xeralmente, un gume natural moi agudo e efectivo), ou poden recibir unha transformación ata converterse nun utensilio concreto (unha raedeira ou unha raspadeira, por exemplo), entón fálase do retoque das lascas. É dicir, a miúdo, as lascas son soportes para fabricar unha enorme variedade de utensilios.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search